
Ferreiros traballando no Mazo de Ferreiravella. Fotografía de Walter Ebeling, tomada probablemente no ano 1933.
A primeira referencia histórica á artesanía do ferro en Riotorto atopámola na documentación medieval do mosteiro de Vilanova de Lourenzá, na que figura unha ferraría en Vilaseca ou Santa Marta, que funcionaba en 1594. Esta ferraría volve ser citada en 1645, 1671 e 1788, aínda que neste último caso xa non se atopaba en funcionamento. No catastro do Marqués da Ensenada (1752) aparece citado un mazo na parroquia de Meilán, que ben puidera ser esta ferraría.
Por outra banda, no Arquivo Histórico Provincial de Asturias hai documentos que refiren a existencia dun mazo en Ferreiravella no ano 1691. No catastro do Marqués da Ensenada fálase dun mazo no Mazo de Ferreiravella e no Diccionario de Pascual Madoz (1845-1850) cítanse catro ferreiros en Ferreiravella. En 1941, nun artigo publicado no xornal santiagués El Compostelano, Eduardo Lence-Santar, daquela cronista de Mondoñedo, dá conta da existencia de 56 forxas no concello de Riotorto: 37 na parroquia de Ferreiravella, 17 na de Espasande de Baixo e dúas na de Riotorto. O número de forxas e de ferreiros foi minguando ata o día de hoxe, no que unhas vinte persoas continúan no oficio.
Actualmente consérvanse dous mazos no concello: o de Bastián en Espasande de Baixo e o da Fraga en Ferreiravella. Outro mazo foi o do Mazo de Ferreiravella, chamado mazo de Abaixo ou de Chavarría, que foi desfeito na década dos oitenta e transformado en cabana. Estes mazos, xunto con moas, muíños, centrais, etc... constitúen o centro ferreiro máis importante do Norte da Península, sumando un total de 46 artiluxios situados no curso do río de Ferreiravella, entre a parroquia deste nome e a de Espasande de Baixo: os dous mazos xa citados, 5 muíños, unha central hidráulica e 38 moas hidráulicas. Justino Fernández calculou que se empregaban case 200 cabalos para poñer en marcha todo este complexo fabril: 76 cabalos nas moas, 15 nos muíños, 3 na central e 60 nos mazos.
Nos tres mazos traballaron os seguintes ferreiros:
Mazo de Abaixo ou de Chavarría: José Iglesias, Manuel Rodríguez, Constantino Rodríguez, José Cabo Villar, José Fernández Rivas, Benigno Rivas, Gabriel Díaz Díaz, Manuel Trashorras, Albino González Rodríguez, Adolfo Díaz, Jaime Rivas Chavarría, Manuel González e Justo Díaz.
Mazo da Fraga: Feliciano García (Soutelo), Manuel Bello (Ferreiravella), Benigno Pol (Ferreiravella), Anacleto García Pol, Jesús Fernández, José Díaz, Antonio Díaz, Pedro Cabo (Soutelo), José Pol (Ferreiravella), Pedro Trashorras, Francisco Salgado, José Chavarría, Francisco Fernández Braña e Manuel Díaz.
Mazo de Bastián: José Rivas Díaz (Lorigados), José Crecente Iravedra (A Ermida), José Expósito Jardón (A Ermida), Rosendo Alonso Rivas (A Ermida), José Cabo Villar (A Ermida), Pedro Fernández Iglesias (Espasande de Baixo), Eduardo Villada Echevarría (Carboeiro), Manuel Mazón Fernández (Lorigados), Manuel Carballeira Pacio (Lorigados), Federico González Iglesias (Espasande de Baixo), Manuel González Iglesias (Espasande de Baixo), José Jardón Villada (A Ermida) e Jesús González Fernández (Espasande de Baixo).
A tradición dos ferreiros de Riotorto parece provir de Euskadi, e así o confirmarían termos técnicos procedentes do euskera como aroza, aldabarra, arragua ou bandarria, e apelidos vascos aínda hoxe presentes en Riotorto, como Chavarría, Legaspi, Lombardero ou Recalde.
|